Bacharelato
Na sociedade actual prima de modo extraordinario a competitividade; tal vez se procuran demasiados obxectivos simultáneos e non é desexable prescindir de ningún deles sen esquecer outros. Así na Escola Rosalía cremos que é posible conxugar as metas académicas cos valores persoais e coa harmonía interna. A reflexión, o diálogo, o consenso e o saber escoitar son factores imprescindibles no traxecto evolutivo dos nosos alumnos e conforman actitudes básicas que sustentan a nosa Escola día a día, curso a curso.
O bacharelato reune en sí o resultado de tódolos cursos que o preceden polo cal, tan importante é o antes como o durante. A obtención dunhas cualificacións concretas e a presión resultan unha pesada lousa, por iso existe o grupo no senso literal do termo, pero tamén cremos na individualidade porque para nós todo é un: ningunha persoa debe quedar atrás, agardamos por todos e por cada un dos nosos rapaces. Este é o auténtico sentido do noso proxecto, abri-los ollos ó horizonte do descubrimento, á cultura, á vida.








